Amosando publicacións coa etiqueta VOCES DO BARRIO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta VOCES DO BARRIO. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de xullo de 2026

VOCES DO BARRIO

Grazas por poñerlle voz ao noso barrio

Co remate deste curso queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas que se achegaron á nosa escola para compartir un anaquiño da súa vida e da historia dos nosos barrios.

A través de Radio Vagalume e da sección Voces do Barrio, tivemos a oportunidade de escoitar lembranzas, experiencias, profesións, costumes e vivencias que nos axudaron a coñecer moito mellor San Pedro e a Almáciga. Cada entrevista foi unha nova aprendizaxe e unha oportunidade para descubrir que a verdadeira historia dos barrios tamén se escribe coas voces das persoas que os habitan e os fan medrar cada día.

Grazas pola vosa xenerosidade, polo voso tempo e por abrirnos as portas dos vosos recordos. Sen a vosa colaboración, este proxecto non tería sido posible.

Agardamos volver atoparnos o vindeiro curso para seguir enchendo Radio Vagalume de novas historias e continuar descubrindo, entre todas e todos, a riqueza do noso barrio.

Moitas grazas por formar parte de Voces do Barrio!


 

mércores, 17 de xuño de 2026

VOCES DO BARRIO_ FAIA DÍAZ

 No último programa de Voces do Barrio, o alumnado de 5º de Infantil tivo a oportunidade de converterse en auténticos xornalistas para entrevistar a Faia Díaz, nai da escola e recoñecida cantante.

Durante a conversa, Faia compartiu con nós aspectos da súa traxectoria musical, falounos da súa relación coa música e respondeu con moita amabilidade ás curiosas preguntas preparadas polos nenos e nenas. Foi unha experiencia moi especial na que puidemos coñecer un pouco mellor o seu traballo e descubrir a importancia da música como forma de expresión e comunicación.

Ademais, tivemos a sorte de escoitala cantar en directo, un momento moi especial que gozamos enormemente e que nos permitiu apreciar de preto o seu talento e a emoción que transmite a través da súa voz.

Agradecemos a Faia a súa disposición, a súa cercanía e o cariño co que participou nesta entrevista, que quedará como un fermoso recordo para o alumnado de Infantil.

   


 

mércores, 10 de xuño de 2026

OUTRAS VOCES DO BARRIO

Tendo en conta o proxecto deste curso "Somos barrio", en 4º de primaria preséntannos un traballiño que xurdiu a partir do adicado ás persoas que entrevistamos en Radio Vagalume: "Voces do barrio". Pero neste caso, as protagonistas non foron só as persoas, senón que elixiron outras voces que lles parecen tamén poderían ter un oco no proxecto. Que sons do barrio lles gustan? Cales lles gustaría seguir escoitando cando pasen cincuenta ou máis anos? E así empezaron a pensar no son do vento, da auga e, sobre todo, no fermoso canto de moitos dos paxaros que podemos atopar nos nosos parques, entre outros. A partir de aí, fixeron unha silueta que representara ese son e engadiron a súa onomatopea. Despois xuntárono todo para montar un libro que nos presentan no blog da biblio para que poidades velo. Titúlase "Outras voces do barrio" e pronto o atoparedes tamén na bilbioteca do cole.


martes, 9 de xuño de 2026

VOCES DO BARRIO: SANDRA BARREIRO

 Continuamos sumando voces ao noso proxecto Voces do Barrio. Nesta ocasión tivemos a sorte de entrevistar a Sandra, conserxe da nosa escola e veciña da Almáciga de toda a vida.

Sandra naceu e medrou neste barrio e compartiu connosco os seus recordos da infancia, contándonos como eran aquelas rúas cando era pequena, os lugares onde xogaban os nenos e nenas e como era a vida nunha época na que había menos coches e moito máis tempo para gozar da rúa e da compañía dos amigos.

Grazas ás súas lembranzas puidemos descubrir como cambiou a contorna co paso dos anos e coñecer un pouco mellor a historia recente dun barrio que forma parte da nosa identidade.

Moitas grazas, Sandra, por compartir con nós os teus recordos e axudarnos a seguir construíndo a memoria do noso barrio.

   


 

martes, 2 de xuño de 2026

VOCES DO BARRIO_ MARIA E CRISTINA

 No programa Voces do Barrio recibimos a visita de María e Cristina, dúas veciñas da Almáciga e amigas de toda a vida, que compartiron connosco as súas lembranzas e experiencias sobre o barrio.

Ao longo da entrevista, faláronnos de como era a contorna cando eran pequenas, dos xogos, das relacións entre a veciñanza e dos moitos cambios que foi experimentando o barrio co paso dos anos. Grazas aos seus relatos puidemos viaxar ao pasado e coñecer mellor a historia da nosa comunidade.

Foi unha conversa moi agradable e entrañable. A súa cercanía, simpatía e cariño conquistáronnos desde o primeiro momento, e nós tamén lles collemos un agarimo moi especial.

Moitas grazas, María e Cristina, por compartir con nós os vosos recordos e por axudarnos a manter viva a memoria do barrio. 🎙️🏘️❤️

  


 

VOCES DO BARRIO_ SUSANA VILLARONGA

 No programa Voces do Barrio tivemos a oportunidade de entrevistar a Susana, mestra de Relixión do noso centro e veciña do barrio da Almáciga.

Durante a conversa, compartiu connosco algún recordo así como a visión de como mudou a contorna nos últimos anos, experiencias relacionadas coa súa profesión e algunhas reflexións sobre a vida no barrio. Foi un encontro moi interesante que nos permitiu coñecer un pouco mellor a unha persoa moi próxima á nosa comunidade educativa.

Agradecémoslle a súa participación e a súa disposición para compartir o seu tempo e as súas vivencias con nós. 🎙️✨

   




 

martes, 19 de maio de 2026

VOCES DO BARRIO

 O alumnado de 6º fai moitos meses que fixo unha presentación do programa de radio "Voces do Barrio", pero entre tantos traballos que fan cada semana, quedoulles esquecido compartilo... así que aínda que xa levamos varias entrevistas, o seu traballo ben merece a pena compartilo igualmente!

 De que tratará este Voces do Barrio??? 

  


 

mércores, 13 de maio de 2026

VOCES DO BARRIO_ XOANA ALMAR

 Neste programa de Voces do Barrio, as nenas e nenos de 2º A falan con Xoana, artista muralista que pintou o mural do noso patio e nai de dous compañeiros do cole. Agardamos que vos guste.

 

 

 


 

mércores, 6 de maio de 2026

VOCES DO BARRIO_ JOSÉ ANTONIO, BAR O MOSQUITO

 Xa está dispoñible un novo episodio de Voces do Barrio, o noso programa de radio escolar no que seguimos descubrindo as historias das persoas que forman parte da vida do barrio.

Nesta ocasión, o alumnado de 5º de primaria entrevista a José Antonio, veciño de San Pedro e fillo do dono do mítico bar O Mosquito, un lugar cheo de historia e lembranzas para moitas xeracións.

Ao longo da conversa, coñecemos un pouco máis sobre a vida no barrio doutros tempos, ahistoria e orixe do bar e como cambiou o barrio de San Pedro co paso dos anos.

🎧 Animámosvos a escoitar este episodio e a seguir descubrindo as voces que fan do noso barrio un lugar tan especial.

 

 


 

venres, 1 de maio de 2026

VOCES DO BARRIO_ MIRIAN MIRAMONTES

 O alumnado de 1º de primaria preséntanos un novo episodio do programa Voces do Barrio. Nesta ocasión, entrevistan a Mirian, mestra, nai e veciña do barrio de San Pedro.

Unha conversa moi especial, preparada a partir do traballo de aula arredor do 8 de marzo, na que reflexionan sobre o papel das mulleres na sociedade e comparten experiencias e aprendizaxes.

🎧 Agardamos que gocedes escoitando esta entrevista tanto como nós!

 


mércores, 29 de abril de 2026

VOCES DO BARRIO_ MIGUEL ANXO SEIXAS SEOANE

 Xa está dispoñible un novo episodio do noso programa de radio escolar “Voces do Barrio”, no que nesta ocasión Annika e Icía, xornalistas da revista NASS, teñen o pracer de conversar con Miguel Anxo Seixas Seoane, veciño do barrio e unha figura moi vinculada á cultura galega.

Ao longo da entrevista, achegámonos á súa traxectoria persoal e profesional durante todos estes anos, especialmente na actualidade, como presidente da Fundación Castelao, traballa na difusión e posta en valor da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das personalidades máis relevantes da historia de Galicia.

Neste episodio, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer máis de preto a súa experiencia, o seu traballo e a importancia de conservar e difundir a nosa cultura.

🎧 Animámosvos a escoitalo e a seguir descubrindo historias e voces que forman parte do noso barrio.

 


 

luns, 6 de abril de 2026

VOCES DO BARRIO_ ROSA

 Benvidas e benvidos a un novo podcast do programa Voces do barrio da Radio Vagalume,

 Nesta ocasión, o alumnado de 4º de infantil entrevista a Rosa, avoa da escola, e veciña do barrio de San Pedro de toda a vida, onde chegou a montar a súa tenda de flores (Florería Embora), na que traballou durante moitos anos, e ainda que agora está xubilada, as súas fillas seguen dándolle vida ao negocio familiar.

Neste podcast, Rosa vai compartir con todas nós como era a vida no barrio cando ela era pequena: como xogaban, como eran as rúas e as relacións entre a veciñanza. Unha viaxe ao pasado chea de lembranzas, emocións e historias que nos axudarán a coñecer mellor a historia do noso barrio.

Agardamos que gocedes desta entrevista tanto como nós gozamos facéndoa.

 

 

xoves, 26 de marzo de 2026

VOCES DO BARRIO_ ANA E LUA

 Esta semana Radio Vagalume gravou un novo programa de "Voces do barrio". Nesta ocasión, as protagonistas foron dúas persoas moi coñecidas entre nós, xa que os seus fillos están no noso cole. Ana é nai de Gael, e Lua de Bruno e Leo. Pero, ademais diso, Ana e Lua forman parte dunha das asociacións máis coñecidas do barrio de San Pedro: a Comisión de Festas. Así que en 4º quixemos convidalas, e a través da entrevista que preparamos descubrimos tamén moitas outras cousas. Hai que ver que interesante é todo o que nos contan as nosas mamás!!! Moitísimas grazas de parte de todo o grupo, por adicarnos este tempo e explicarnos con tanto detalle todas as cuestións que vos plantexamos!!!

Nenas e nenos de 4º de primaria.

 

   

xoves, 19 de marzo de 2026

VOCES DO BARRIO_PATRICIA VÁZQUEZ

 Patricia Vázquez é unha recoñecida actriz galega cunha ampla traxectoria en cine, teatro e televisión dende os anos 90, con gran éxito nos seus papeis en series como Mareas Vivas, Padre Casares ou Pratos Combinados. No ano 2023 recibiu o Premio Maruxa Villanueva outorgado pola súa traxectoria. Traballou no Centro Dramático Galego e en compañías como Ollomol Tranvía e Contraproduccións. Como é veciña do barrio de San Pedro e o 27 de marzo conmemoramos na escola o día do teatro, puxémonos en contacto con ela para que Icía, Nicté, Annika e Leonor lle fixeran esta entrevista.


 

 

luns, 9 de marzo de 2026

VOCES DO BARRIO_ ANTÓN PEDREIRA

Dentro do noso proxecto de centro, seguimos a descubrir e coñecer mellor as persoas que dan vida aos nosos barrios. Nesta ocasión, o alumnado de 2ºB realizou unha nova entrega da sección “Voces do Barrio”, un espazo no que conversamos con veciñas e veciños que forman parte da historia e da identidade da Almáciga e de San Pedro.

A persoa convidada nesta ocasión foi Antón Pedreira, avó de Arela, compañeira da clase, e dono dun dos negocios máis relevantes a nivel cultural do barrio de San Pedro, situado na rúa do Home Santo. Durante a entrevista, Antón compartiu co alumnado lembranzas, experiencias e detalles sobre o seu traballo e sobre a importancia de manter vivos os espazos culturais do barrio.

Foi unha conversa moi interesante na que o alumnado puido facer preguntas, escoitar historias e achegarse un pouco máis á realidade e á memoria do lugar no que vivimos. Unha vez máis, “Voces do Barrio” axúdanos a entender que os barrios non son só rúas e edificios, senón tamén as persoas que os constrúen cada día co seu traballo e coa súa presenza.

 
 

mércores, 25 de febreiro de 2026

"VOCES DO BARRIO"_ con SANDRA GARRIDO

 O luns foi un día moi especial na nosa escola.  Estivo con nós Sandra Garrido Fernández, veciña do barrio e participante na Global Sumud Flotilla a Gaza.


Tivemos unha xuntanza moi interesante onde  nos explicou por que decidiu viaxar no Sirius e  como viviu ela esta experiencia  cuxo obxectivo era romper o bloqueio humanitario a Palestina. Tamén nos falou do que significa que un país cometa xenocido e de como a poboación civil  pode ter iniciativa para loitar contra as inxustizas.
Esta é unha actividade recollida na PXA e que se enmarca dentro do Proxecto de centro Somos Barrio!
 Como se recolle no D. 155/2022 do 15 de setembro os centros deben promover a aprendizaxe da prevención e resolución pacífica de conflictos en todos os ámbitos(...) así como dos valores que sustentan a liberdade, a xustiza, a igualdade, o pluralismo político, a paz, o respecto polos dereitos humanos(...)
 

Alumnado de 4º,5º e 6º nunha charla con Sandra Garrido



Dende a radio escolar mantivemos unha xuntanza onde Sandra contestou a unha serie de preguntas relacionadas coa súa experiencia como activista. Foi estupendo inaugurar a nosa radio con esta entrevista!

Icía, Uxía, Nadia e Nicté encargadas de elaborar e entrevistar a Sandra.