Pechamos o espazo "Conta comigo" coa visita de Faia, a nai de Maruxa,
que nos agasallou coa súa fermosísima voz, ensinounos como crear música
dunha maneira "máxica" e mostrounos unha coreografía da canción "Lomo de
salmón" do grupo De vacas.
Grazas Faia, foi fantástico terte de novo connosco.
venres, 3 de xullo de 2026
CONTA COMIGO
mércores, 1 de xullo de 2026
CONTA COMIGO
Na última semana de curso recibimos a visita dos seus pais, Sabela e Xabi, para contarnos un pedaciño da súa historia e para ensinarnos uns dos recunchiños favoritos de Xela, a súa gran piscina de Pontevea.
Grazas aos tres por compartir un anaquiño da vosa vida con todos/as nós.
venres, 19 de xuño de 2026
CONTA COMIGO- A PERCUSIÓN CON ALEJANDRO VARGAS
Convidamos a Laura e Alejandro a visitarnos para celebrar o aniversario de Milos que, ao igual que o de Leo, terá lugar no verán.
Alejandro achegounos a sons fascinantes a través de cabazas baleiras, botellas de auga e instrumentos de percusión (triángulo) e vento (frauta). Ensinounos o aparello co que gravaba os sons dos obxectos, as nosas voces e como as fusionaba con novos sons.
Marabilloso! Grazas Laura, Alejandro e Milos por acompañarnos e encher a aula de sons sorprendentes!
CONTA COMIGO
Lúa, a nai de Leo, acompañounos na última semana do curso para festexar con nós o aniversario de Leo que será no verán.
Compartiu con nós o conto de Leotolda e axudounos a imaxinar á nosa Leotolda, un personaxe grande, redondo e que cantaba fatal.
Rematamos a sesión cun vídeo de Leo sobre algúns dos momentos máis destacados da súa vida.
Grazas Lúa, grazas Leo. :)
RECOMENDACIÓNS LECTORAS E XOGONAS
Como cada ano, deixámosvos as nosas recomendacións lectoras e xogonas para que vos acompañen durante o verán. Agardamos que atopedes entre elas moitas historias, aventuras e xogos cos que gozar destas vacacións.
Queremos agradecer, unha vez máis, a colaboración da Comisión de Xénero da AFA, así como da libraría Lila de Lilith e de Chafarís, pola súa axuda e implicación nesta iniciativa.
E non vos esquezades de botarlle unha ollada ás propostas para celebrar o San Xoán... que xa o temos enriba!
Boas lecturas, bos xogos e feliz verán!
luns, 15 de xuño de 2026
CONTA COMIGO
Hoxe en 5º de infantil tivemos a visita de Jara, a nai de Mateo que veu presentarnos un conto que suscitou o noso interese "Con calma. 50 historias de la naturaleza", onde se contemplan algunhas das marabillas que pasan ante nós cando nos tomamos as cousas con calma.
De entre todas as historias Mateo escolleu dúas: a araña e a raposa.
Grazas aos dous por buscar un tempiño para compartir con todas.
xoves, 4 de xuño de 2026
CONTA COMIGO
Encántanos compartir lecturas coas familias e nesta ocasión foron Telma, Bruna e María as que nos acompañaron na lectura do conto "En este cuento no hay ningún dragón". Desfrutámolo moitísimo!!
Grazas por gardar un oquiño para nós!
xoves, 14 de maio de 2026
Día do Burro en 2°B
O pasado 8 de maio foi o Día do Burro e, como en anos previos, en 2°B homenaxeámolo. Así
pois, coa axuda de Miguel e Yeya, familia de Sira e Federico, estivemos a
ver especies en perigo de extinción e decálogos de boas prácticas cando
esteamos con esta especie, apreciando datos curiosos como a súa gran
capacidade de olfacto! Informáronos tamén dunha festa galega realizada
en compañía destes animais e ensináronos fotos dos nosos compis con
eles.
Posteriormente, pasamos á acción e fixemos unhas
ferraduras personalizadas (sempre tendo en conta como teñen que estar
para darnos boa sorte). Logo, fixemos dous grupos e xogamos ao tiro da
ferradura nun xogo con puntos, e a un xogo de mesa deseñado con moito
agarimo sobre datos e curiosidades de burros. Tamén tiña retos, e
estivemos a andar pola aula como eles! Pasámolo moi ben, grazas pola
vosa axuda!
mércores, 15 de abril de 2026
Conta comigo: O traballo de economista
O venres en 2°B estivemos aprendendo sobre o traballo de economista coa axuda do pai do noso compañeiro Roque. Cunha presentación súper chula, explicounos o difícil que é xestionar os cartos e poñerse de acordo. Despois, vímolo por nós mesmos ao ter que decidir en grupos os elementos que mercábamos para un parque que íamos crear no noso barrio cun presuposto limitado. Que difícil foi poñernos de acordo! Pero ao final conseguímolo e quedáronnos uns parques moi axeitados, nos que pensamos tanto na xuventude como en bancos para os maiores ou luces para poder ver ao anoitecer. Rematamos cunha reflexión sobre o complexo e importante que é este traballo.
Animamos a outros familiares a vir contarnos un pouco de que vai o seu traballo. Vémosvos!
xoves, 19 de marzo de 2026
CONTA COMIGO
Xela e Sabela compartiron un tempo con nós falándonos da localidade extremeña de Horcajo á que pertence parte da súa familia.
Faláronnos da súa ubicación, lugares para visitar e das festas populares.
Grazas ás dúas por deixarnos mirar por un oco da xanela que nos mostra parte das vosas vida.
venres, 13 de marzo de 2026
CONTA COMIGO
Festexamos o aniversario de Nuno compartindo coa súa familia un espazo de lectura e creatividade.
Gozamos co conto de "O formigueiro", aprendendo sobre os distintos tipos de formigas, as características do seu fogar, a súa alimentación...
Despois Nuno repartiunos un formigueiro a cada unha para que reproduciramos con plastilina unha formiga que colocamos nas galerías do noso formigueiro.
Grazas Beatriz, Breogán e Nuno por compartir este tempiño con nós e pola proposta tan interesante que preparastes.






















































