Dentro do noso proxecto de centro, seguimos a descubrir e coñecer mellor as persoas que dan vida aos nosos barrios. Nesta ocasión, o alumnado de 2ºB realizou unha nova entrega da sección “Voces do Barrio”, un espazo no que conversamos con veciñas e veciños que forman parte da historia e da identidade da Almáciga e de San Pedro.
A persoa convidada nesta ocasión foi Antón Pedreira, avó de Arela, compañeira da clase, e dono dun dos negocios máis relevantes a nivel cultural do barrio de San Pedro, situado na rúa do Home Santo. Durante a entrevista, Antón compartiu co alumnado lembranzas, experiencias e detalles sobre o seu traballo e sobre a importancia de manter vivos os espazos culturais do barrio.
Foi unha conversa moi interesante na que o alumnado puido facer preguntas, escoitar historias e achegarse un pouco máis á realidade e á memoria do lugar no que vivimos. Unha vez máis, “Voces do Barrio” axúdanos a entender que os barrios non son só rúas e edificios, senón tamén as persoas que os constrúen cada día co seu traballo e coa súa presenza.


Ningún comentario:
Publicar un comentario