Amosando publicacións coa etiqueta vida no cole. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vida no cole. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de xuño de 2026

FESTA DA AUGA EN INFANTIL

 Hoxe vivimos unha xornada moi especial e refrescante en Educación Infantil coa nosa esperada Festa da Auga!


As crianzas desfrutaron dunha mañá chea de diversión participando en catro zonas de xogo diferentes. Na primeira, puxeron a proba a súa habilidade e traballo en equipo cos relevos de esponxas, transportando auga dun lugar a outro. Na segunda estación, realizaron distintos transvasamentos de auga, experimentando e xogando mentres enchían e baleiraban recipientes.


A creatividade tamén estivo presente na zona de pintura corporal, onde puideron expresarse libremente con cores. E, por suposto, unha das actividades máis esperadas foi o tobogán acuático, polo que se deslizaron unha e outra vez.


Para rematar esta fantástica festa, todos e todas nos refrescamos cunha divertida sesión de mangueira, convertendo o patio nun auténtico festival de auga.




mércores, 10 de xuño de 2026

TEATRO NA ESCOLA

 O alumnado do grupo de actividades extraescolares de teatro sorprendeunos cunha divertida representación titulada "O misterio da ópera".

Nesta historia chea de intriga, humor e sorpresas, unhas misteriosas bruxas deciden secuestrar a dúas famosas cantantes de ópera, provocando unha situación que manterá ao público atento de principio a fin. Ao longo da obra, os distintos personaxes deberán enfrontarse a pistas, enredos e momentos moi divertidos para intentar resolver o misterio.

Queremos felicitar a todas as actrices e actores polo seu esforzo, a súa ilusión e o magnífico traballo realizado durante os ensaios. Tamén agradecemos ás persoas responsables da actividade o seu acompañamento e dedicación para facer posible esta representación.

Parabéns a todo o grupo por regalarnos unha tarde chea de teatro, creatividade e emocións. Estamos desexando ver cal será a próxima aventura que nos presenten sobre o escenario!


mércores, 3 de xuño de 2026

A HORTA E PLANTAS DA ESCOLA


As crianzas estamos moi atentas a como van medrando as hortalizas, os amorodos e a coidar das plantiñas do exterior.
Os compañeiros/as de 4⁰ e 6⁰ E.I. xa apañaron as leitugas e as acelgas. Prontiño tocará a 5⁰ E.I. recoller os tomatiños.









 

mércores, 20 de maio de 2026

AMADRIÑAMENTOS

 Esta mañá a clase de 4º de primaria baixamos durante o Plan lector á aula de 6º de Infantil, xa que alí están as nenas e nenos que este curso temos a sorte de amadriñar. O reencontro despois da celebración do Día do Libro fíxonos moita ilusión, e esperamos poder repetir esta fantástica experiencia durante as próximas semanas. 

Alumnado de 4º