Amosando publicacións coa etiqueta Milla diaria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Milla diaria. Amosar todas as publicacións

mércores, 7 de outubro de 2026

MILLA DIARIA- PLAN DE VIDA ACTIVA E DEPORTIVA

 A MILLA DIARIA” é unha modalidade dentro do PVAD (proxecto de vida activa e deportiva) do Plan Proxecta, no que participa o centro,  que pretende fomentar entre as rapazas e rapaces un estilo de vida saudable, aumentando o tempo que dedican á actividade física. Consiste en marcar no patio dos colexios ou arredores, un percorrido dunha milla de lonxitude (1600 metros) e facelo en calquera momento da xornada escolar de luns a venres.  Preténdese loitar contra o sedentarismo e a obesidade, pero tamén buscar os beneficios que a actividade física pode aportar para mellorar a atención, a concentración e axudar na resolución de conflitos mediante descansos activos durante a xornada escolar.


Este curso, a Milla Diaria estará relacionada co proxecto Érase unha vez a nosa escola. Comezaremos no ano 1955, con 0 quilómetros percorridos, e cada 5 quilómetros avanzaremos un ano na liña do tempo da historia da nosa escola.

                                         5 KM  =  1 ANO

 
Cada aula irá rexistrando os metros que percorre diariamente, xa sexa nos descansos activos, nos paseos en grupo, nas saídas ou noutras actividades. Todos os metros contan e todas as persoas suman! Se participa toda a clase, sumaremos o percorrido de todas e todos; se só participan 5 persoas, tamén contaremos os metros percorridos por esas 5 persoas.

Iredes acumulando os metros ata chegar aos 5.000 metros (5 km). Nese momento, avanzaremos un ano na nosa viaxe pola historia.


É recomendable manter actualizada a tarxeta da porta, xa que a mestra de Educación Física irá recollendo os datos para facer avanzar a Lingoreta pola liña do tempo xeral que estará no espazo do proxecto, no vestíbulo. Ademais, Lingoreta irá cambiando de aspecto segundo a década na que se atope.

 

Conseguirá algunha aula chegar ata o 2027? 
E entre toda a escola?



🚶🌍Nas portas de cada clase teremos un cartaz coma este, que deberedes ir cubrindo e modificando.

 

 




 

xoves, 17 de setembro de 2026

MILLA DIARIA


O alumnado de 5⁰ e 6⁰ E.I. inauguró hoxe a milla diaria facendo un pequeno percorrido de  un kilómetro e medio ata o Parque de Bonaval. Aproveitaron para merendar e xogar, desfrutando do marabilloso espazo que temos ao noso arredor.


 





luns, 22 de xuño de 2026

MILLA DIARIA

Durante este curso, o alumnado da nosa escola participou na Milla Diaria, unha actividade enmarcada dentro do Plan de Vida Activa e Deportiva, que promove a realización de descansos activos ao longo da xornada escolar. O seu obxectivo é fomentar hábitos saudables, combater o sedentarismo e contribuír ao benestar físico e emocional do alumnado a través do movemento diario.

Ao longo dos meses, as diferentes clases saíron a camiñar, correr ou realizar percorridos adaptados ás súas posibilidades. Aínda que non todos os grupos rexistraron os quilómetros realizados, todas as aulas participaron dunha maneira ou doutra nesta iniciativa, facendo da actividade física unha parte máis do seu día a día.

Este ano quixemos darlle un significado especial á nosa participación relacionándoa co Proxecto Documental Integrado (Somos barrio) da escola. Como unha das problemáticas que máis nos preocupa no barrio é a gran afluencia de peregrinos e peregrinas que percorren as nosas rúas, decidimos aproveitar os quilómetros acumulados para axudalos, de forma simbólica, a regresar ás súas cidades de orixe.

Así, cada paso dado polo alumnado converteuse nun pequeno empurrón para acompañar aos peregrinos na súa viaxe de volta, conectando a actividade física cun proxecto de aprendizaxe vinculado á realidade da nosa contorna.

Aquí vos deixamos os resultados finais acadados polos grupos participantes. Parabéns a todo o alumnado polo seu esforzo e implicación nunha iniciativa que nos permitiu coidar da nosa saúde mentres aprendíamos e colaborabamos nun reto común.





  
 
 



mércores, 25 de xuño de 2025

MILLA DIARIA EN 4º DE INFANTIL

 O alumnado de 4º de infantil estivo traballando sobre o entroido das Madamitas e Madamitos de Entrimo, polo que se propuxeron conseguir camiñar na milla diaria ata poder chegar a Entrimo andando (175 quilómetros)....pero tanto tanto camiñaron que se pasaron! Casi lles deu para ir e voltar!

 Seguro que aproveitan para pasearse por algún outro dos entroido coñecidos ao longo deste curso...


 

MILLA DIARIA EN 2º

  O alumando de 2º de primaria leva todo o curso camiñando para conseguir chegar a coñecer o triángulo do Entroido! Finalmente, conseguiron camiñar un total de 145.200 metros!! 

Por pouquiño non chegaron a  Laza, que foi o entroido traballado por 2ºA, máis poden visitar o Entroido de Xinzo de Limia.

 


xoves, 19 de xuño de 2025

MILLA DIARIA EN 3º DE PRIMARIA

 O alumnado de 3º de primaria, participando na Milla diaria coas saídas da escola e os descansos activos, conseguiu camiñar nada máis e nada menos que 480.450 metros!! Nestas imaxes, cóntannos ata onde chegaron andando e cantos Entroidos puideron visitar...

 

 
 





mércores, 28 de maio de 2025

A MILLA DIARIA de 4º EI e 3⁰ EP


O alumnado de 4⁰ EI uniuse aos compañeiros de 3⁰ EP no seu recorrido da milla diaria.
Grazas amigos/as polo acompañamento!