Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto entroido vivo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto entroido vivo. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de decembro de 2025

MUSEO DO POBO GALEGO

 Hoxe andivemos polo Museo do Pobo Galego, o noso Museo preferido. Neste espazo está a exposición da que formamos parte: Viva o Entroido vivo, lingua, festa e comunidade!

Os grupos que visitaron deste vez o espazo foron, primeiro e cuarto de Primaria. 




xoves, 11 de decembro de 2025

VISITANDO O MUSEO DO POBO GALEGO

 Hoxe o alumnado de 6°de E.I visitou a exposición Viva o entroido vivo, lingua, festa e comunidade! No Museo do Pobo Galego. Lembrade que podedes aproveitar as vacacións de Nadal para visitar esta exposición, de seguro que as vosas crianzas serán unhas estupendas guías.







 

xoves, 4 de decembro de 2025

2º PRIMARIA. MUSEO DO POBO GALEGO

 O pasado venres os nenos e nenas de segundo pasamos a mañá no Museo do Pobo Galego descubrindo as distintas salas para responder correctamente distintas preguntas... Que ben o fixemos! Corrimos, cantamos e incluso tocamos instrumentos.


 

Despois, veu a profe Rocío a ensinarnos a exposición sobre o Entroido da que somos expertos/as e que ten materiais feitos por nós. Que pouco queda para o próximo!


 

venres, 21 de novembro de 2025

EXPOSICIÓN "VIVA O ENTROIDO VIVO"

 Hoxe visitamos de novo o Museo do Pobo Galego. O alumnado de quinto e sexto  comprobou a importancia do traballo sobre o entroido que leva desenvolvendo desde E.I. Falamos do fundamental que é o traballo desenvolto en comunidade e tamén averiguamos o motivo polo que as figura do Entroido de Compostela Son os Xenerais do Ulla.




mércores, 19 de novembro de 2025

EXPOSICIÓN "VIVA O ENTROIDO VIVO"

 Onte comezamos coas visitas á exposición Viva o entroido vivo, lingua, festa e comunidade!. Foron as crianzas de terceiro as primeiras. Lembrade que nesta exposición, o alumnado do noso centro é protagonista. Podedes visitala até o 13 de decembro.

 




sábado, 15 de novembro de 2025

EXPOSICIÓN DO PROXECTO "ENTROIDO VIVO"

 Dende o curso 2019/2020 a nosa escola participa xunto con outros centros na Mostra do Entroido de Lamas de Abade. Cada ano está adicado a un entroido tradicional e en todos os centros participantes se traballa sobre o mesmo.


No curso 2024/2025 foinos concedido o premio Antonio Fraguas na súa XIII edición.  Os aspectos que salientaron as persoas membras do xurado foron por unha banda o xeito no que os entroidos tradicionais son traídos até a actualidade e por outra banda a participación intercentros. Nesta mostra están implicados centros dende o 1° ciclo de Educación Infantil até o ensino secundario, bacharelato, ciclos formativos e pasando pola Educación Infantil de 2° ciclo, centros de educación especial e tamén a Educación Primaria.
Os centros participantes nestra Mostra somos o EEI Raiola, o CEIP Lamas de Abade, o CEIP Apóstolo Santiago, o CEIP Pérez Viondi, o IES Llamas de Abade o CEE ASPANAES e o CIFP Compostela.
 

Dende o día 14 de novembro e até o 13 de decembro podedes visitar no Museo do Pobo Galego a exposición "Viva o entroido vivo! Lingua ,festa e comunidade", na que se recolle unha pequena mostra do proxecto do que estamos a falar.


Aproveitade para visitar tamén a exposición do "Proceso de encascado de redes no concello de Burela". Proyecto elaborado polo IES Monte Castelo de Burela e ganadoras na categoría de ensino secundario.

 

⇓⇓PREME NA FOTO PARA VER UN VIDEO DA EXPOSICIÓN ⇓⇓



xoves, 4 de setembro de 2025

 Benvidas ao novo curso! O verán rematou e a nosa cidade comeza a ofertar actividades ben interesantes. 
O entroido queda aínda lonxe pero esta fin de semana, o día 6 ás 12.45 temos unha morea de figuras tradicionais xuntas aquí en Compostela.  Se estades pola cidade, despois de todo o aprendido no proxecto do curso pasado, non deixedes pasar esta oportunidade!


 

martes, 1 de xullo de 2025

FIN DO PROXECTO ENTROIDO VIVO

 E así remata o espazo na escola adicada a todos os produtos creados na aprendizaxe do proxecto desde curso, "Viva o Entroido vivo: Lingua, festa e comunidade".

 Todo o material quedará aí colgado ata o comezo do vindeiro curso para quen queira pasarse a botar unha ollada.

 


xoves, 26 de xuño de 2025

ENTROIDO DE ENTRIMO. PODCAST

 O alumando de 4º de infantil estiveron investigando e aprendendo sobre o Entroido de Entrimo e as súas Madamitas e Madamitos. Se queredes coñecer un pouco máis sobre a tradición, vestimenta e costumes deste Entroido, escoitade o podcast que fixeron!

 

 

 

 “TRANSCRICIÓN DOS AUDIOS DAS MADAMITAS DE ENTRIMO POR 4º EI”

  1. VIAXAMOS ATA OURENSE, AO CONCELLO DE ENTRIMO, PARA COÑECER A FIGURA DO ENTROIDO: AS MADAMITAS E OS MADAMITOS.

2. COMO CURIOSIDADE DICIR QUE É UN DOS POUCOS ENTROIDOS NOS QUE SE DISFRAZABAN TANTO OS HOMES COMO AS MULLERES.

3. O TRAXE FOI RECUPERADO A PARTIR DA IMAXE QUE SE RECOLLE NA OBRA “HISTORIA DE GALICIA” DE OTERO PEDRAYO.

4. E TAMÉN A TRAVÉS DA PROCURA QUE FIXERON AS RAPAZAS DO CONCELLO.

5. PREGUNTANDO ÁS AVOAS E TATARAVOAS SOBRE A TRADICIÓN.

6. TRATÁBASE DE FACER BURLA DAS SEÑORITAS E SEÑORITOS DA ÉPOCA

A TRAVÉS DE ELEMENTOS DO TRAXE:

 7. PARA A MADAMITA: ABANO, BOLSO, ROUPA INTERIOR NO EXTERIOR E SOMBREIRO DE PALLA CON VELO.

8. PARA O MADAMITO: CAPIROTE DE BUFÓN, BIGOTE, ROUPA INTERIOR FEMININA E CAPA CURTA.

9. OUTROS ELEMENTOS QUE COMPOÑEN O TRAXE SON: LUVAS E CARAUTAS BRANCAS; PANO E FAIXA VERMELLA; E ALPARGATAS.

10. O CORTELLO, OU DESFILE, ÁBRENO OS GAITEIROS OU GAITEIRAS.

11. ACOMPAÑADOS DAS CARANTOÑAS QUE VISTEN CON ROUPA CHOQUEIRA.

12. ACOMPAÑADOS DOS FARANDULLEIROS QUE TIZNAN A CARA DE NEGRO.

13. SÉGUEOS UN CARRO DE VACAS OU TRACTOR.

14. CARGADO DE MIMOSAS, FLORES AMARELAS QUE FLORECEN NA PRIMAVERA.

15. AGARDAMOS QUE DESFRUTARADES APRENDENDO, AO IGUAL CA NÓS, DOS ENTROIDOS TRADICIONAIS.

VIVAN AS MADAMITAS E MADAMITOS DE ENTRIMO


mércores, 25 de xuño de 2025

MILLA DIARIA EN 4º DE INFANTIL

 O alumnado de 4º de infantil estivo traballando sobre o entroido das Madamitas e Madamitos de Entrimo, polo que se propuxeron conseguir camiñar na milla diaria ata poder chegar a Entrimo andando (175 quilómetros)....pero tanto tanto camiñaron que se pasaron! Casi lles deu para ir e voltar!

 Seguro que aproveitan para pasearse por algún outro dos entroido coñecidos ao longo deste curso...


 

MILLA DIARIA EN 2º

  O alumando de 2º de primaria leva todo o curso camiñando para conseguir chegar a coñecer o triángulo do Entroido! Finalmente, conseguiron camiñar un total de 145.200 metros!! 

Por pouquiño non chegaron a  Laza, que foi o entroido traballado por 2ºA, máis poden visitar o Entroido de Xinzo de Limia.

 


ENTROIDO DO ULLA. PODCAST

 O alumnado de 5º de primaria, tras un curso traballando no proxecto "Entroido Vivo" e especializándose no Entroido do Ulla e nas súas xeneralas e xenerais, elaboran este podcast transmitindo todo o aprendido para compartilo con vós.

 

ENTROIDO DE VILARIÑO, PODCAST

 Queres saber algo máis sobre o Entroido de Vilariño e os Boteiros?

Escoita o Podcast elaborado polo alumnado de 4º de primaria! 

ENTROIDO DE XINZO, PODCAST

Un grupiño do alumnado de 4º de primaria, no marco do proxecto Entroido Vivo, estivo a investigar sobre as pantallas e o entroido de Xinzo, e fixeron este podcast para que vós tamén poidades saber algo máis!

 

xoves, 19 de xuño de 2025

MILLA DIARIA EN 3º DE PRIMARIA

 O alumnado de 3º de primaria, participando na Milla diaria coas saídas da escola e os descansos activos, conseguiu camiñar nada máis e nada menos que 480.450 metros!! Nestas imaxes, cóntannos ata onde chegaron andando e cantos Entroidos puideron visitar...

 

 
 





ENTROIDO DE LAZA. PODCAST

 O alumnado de 2ºA estivo investigando e traballando todo o curso sobre o Entroido de Laza e a figura dos Peliqueiros.

Coñecedes a "Pelico"?? Non? Pois escoitade o podcast da súa historia e aprendede con este grupo de alumnas e alumnos.

 

mércores, 18 de xuño de 2025

ENTROIDO DE COBRES. PODCAST

 Aquí chega o podcast de 3º, sobre o Entroido de Cobres! Nel realizan un resumo sobre a información recollida ao longo do curso sobre un dos entroidos más coloridos de Galicia: o de San Adrián de Cobres!!!


Agardamos que vos guste moito!!!

 

  


APALPADOR ENTROIDEIRO... POR DONDE ANDAS?

  O alumnado de 4º de infantil levou desta volta ao Apalpador de viaxe... e vestiuno con este traxe... Sabedes por onde anda?

 

 

<<AQUÍ CHEGAN AS DE ENTRIMO

CON CARAUTAS E CALZÓNS,

MÓFANSE DOS SEÑORITOS

SEGUINDO A TRADICIÓN>>