luns, 22 de xuño de 2026

MILLA DIARIA

Durante este curso, o alumnado da nosa escola participou na Milla Diaria, unha actividade enmarcada dentro do Plan de Vida Activa e Deportiva, que promove a realización de descansos activos ao longo da xornada escolar. O seu obxectivo é fomentar hábitos saudables, combater o sedentarismo e contribuír ao benestar físico e emocional do alumnado a través do movemento diario.

Ao longo dos meses, as diferentes clases saíron a camiñar, correr ou realizar percorridos adaptados ás súas posibilidades. Aínda que non todos os grupos rexistraron os quilómetros realizados, todas as aulas participaron dunha maneira ou doutra nesta iniciativa, facendo da actividade física unha parte máis do seu día a día.

Este ano quixemos darlle un significado especial á nosa participación relacionándoa co Proxecto Documental Integrado (Somos barrio) da escola. Como unha das problemáticas que máis nos preocupa no barrio é a gran afluencia de peregrinos e peregrinas que percorren as nosas rúas, decidimos aproveitar os quilómetros acumulados para axudalos, de forma simbólica, a regresar ás súas cidades de orixe.

Así, cada paso dado polo alumnado converteuse nun pequeno empurrón para acompañar aos peregrinos na súa viaxe de volta, conectando a actividade física cun proxecto de aprendizaxe vinculado á realidade da nosa contorna.

Aquí vos deixamos os resultados finais acadados polos grupos participantes. Parabéns a todo o alumnado polo seu esforzo e implicación nunha iniciativa que nos permitiu coidar da nosa saúde mentres aprendíamos e colaborabamos nun reto común.





  
 
 



Ningún comentario:

Publicar un comentario