O pasado sábado 18 de abril, alumnado de 4º, 5º e 6º da nosa escola participou de maneira voluntaria nunha emocionante xornada de atletismo en pista na Pobra do Caramiñal.
Ata alí desprazáronse con ilusión para vivir unha experiencia diferente, compartindo espazo con outros clubs deportivos e descubrindo o que significa competir nunha pista de atletismo real. Ao longo da mañá, puideron participar en distintas probas: carreiras de fondo como os 1000 metros, probas de velocidade como os 60 e 80 metros lisos, así como as sempre emocionantes remudas.
Non faltaron tampouco as probas de campo, con lanzamentos de disco, xavelina e peso, e o máis concorrido de todos: o salto de lonxitude, que espertou gran interese entre o alumnado.
Foi unha xornada chea de nervios, emocións e aprendizaxes, na que tamén houbo tempo para celebrar algunhas medallas e, sobre todo, para gozar dunha experiencia deportiva única baixo o sol.
Para rematar o día, algunhas familias aproveitaron a ocasión para continuar a convivencia pola zona das praias, poñendo o broche perfecto a unha xornada inesquecible.
PREME AQUI PARA VER TODAS AS FOTOS DA XORNADA
Porfa, se ti tes máis fotos, compárteas con nós no email da biblio.vagalume@gmail.com

Ningún comentario:
Publicar un comentario