Chegamos ao final do noso proxecto e, ao mirar o espazo do vestíbulo que lle fomos dedicando ao longo do curso, decatámonos de todo o camiño percorrido. O que comezou cun panel case baleiro foi medrando pouco a pouco, enchéndose de investigacións, fotografías, mapas, entrevistas, debuxos, reflexións e moitas historias. Igual que nós, tamén el foi aprendendo e medrando.
Premendo na lapela de "Somo Barrio", podedes ver calquera das entradas moito máis ampliada.
Comezamos investigando que rúas pertencían a cada barrio e axiña descubrimos que ser de San Pedro ou da Almáciga é moito máis ca vivir dentro duns límites marcados nun plano; é un sentimento de pertenza, unha maneira de vivir e de compartir un mesmo espazo.
Saímos ás rúas para preguntar á veciñanza que opinaba sobre o bo trato nos nosos barrios. Observamos, escoitamos e reflexionamos sobre como convivimos e como podemos facer dos nosos espazos lugares cada vez máis amables para todas as persoas.
Tamén percorremos as rúas con ollos críticos, detectando barreiras arquitectónicas e propoñendo solucións para facer o barrio máis accesible. Aprendemos que pequenos cambios poden mellorar moito a vida das persoas.
Inspirados por Rosalía de Castro, detivémonos a observar algúns recunchos do barrio, debuxamos as súas siluetas mentres recitabamos os seus versos e descubrimos unha nova forma de unir poesía e imaxe a través dos caligramas.
As nosas investigacións convertéronse en lapbooks cheos de información, curiosidades e descubrimentos. Grazas ás entrevistas realizadas a moitas persoas da nosa contorna, fomos recompilando historias que nos permitiron coñecer mellor o pasado e o presente dos barrios. E, por un tempo, tamén nos transformamos en xornalistas, redactando noticias... ou talvez "vellas", porque ás veces as novas máis interesantes son as que nos falan do que xa pasou.
A través de Radio Vagalume demos vida ás Voces do Barrio, un espazo que nos permitiu coñecer persoas extraordinarias que compartiron connosco os seus recordos, experiencias e vivencias. Grazas a elas comprendemos que a memoria dun barrio tamén se conserva nas palabras de quen o viviu e o segue construíndo cada día.
Pouco a pouco fomos creando un pequeno mapa coas nosas Xeografías do Barrio, sinalando aqueles lugares que consideramos especiais, e confeccionando unha liña do tempo que nos axudou a comprender como evolucionaron San Pedro e a Almáciga ao longo dos anos.
E tamén camiñamos. Camiñamos moito. Percorremos as nosas rúas acompañando e orientando aos peregrinos, axudándoos a continuar o seu Camiño cara ás súas cidades e países de orixe. Porque vivir nun barrio polo que pasa o Camiño de Santiago tamén significa formar parte dunha historia que se escribe cada día con milleiros de pasos...aínda que moitos deles molesten un pouquiño cando cruzan polas nosas casas.
Como lembranza de todo este percorrido, a biblioteca conservará un novo recurso creado polo alumnado: o Xogo de Lingoreta: Somos Barrio (un xogo da Oca, de andar pola nosa casa...) Un taboleiro para seguir xogando, aprendendo e percorrendo os nosos barrios unha e outra vez, porque as mellores historias nunca rematan... simplemente continúan cada vez que alguén decide volver a camiñar por elas.
Grazas a todas as persoas que formastes parte desta aventura. Seguiremos facendo barrio, porque Somos Barrio. Pero.... que terá pensado Lingoreta para o curso que ven???
Feliz verán a todas!!!














Marabilla de Proxecto e estupenda maneira de plasmar o traballo de todo un curso nesta entrada. Orgullosa de pertencer a esta comunidade. Somos Barrio!
ResponderEliminar