Nas últimas semanas, o alumnado de primaria participou nunha actividade de iniciación e coñecemento do rugby xunto ao club Santiago Rugby Club. Polo momento, xa participaron varios cursos, quedando aínda pendente a experiencia para 4º e 6º de primaria.
Esta proposta forma parte da actividade “Coñece o meu club”, incluída no programa XOGADE, unha iniciativa que busca achegar ao alumnado diferentes modalidades deportivas que poden practicar na súa contorna máis próxima.
O obxectivo é ofrecer oportunidades para descubrir novos deportes, experimentar distintas formas de actividade física e axudar a que cada neno e nena poida atopar ese deporte co que máis desfruta e no que se sente cómodo para ocupar o seu tempo de lecer de maneira activa e saudable.
Ao longo da actividade, o alumnado puido achegarse aos valores propios do rugby, como o compañeirismo, o respecto, a cooperación e o traballo en equipo, ademais de participar en xogos e dinámicas adaptadas á súa idade.
Esta experiencia forma parte tamén do noso Plan de Vida Activa e Deportiva (PVAD) de centro, a través do cal seguimos promovendo hábitos saudables e unha relación positiva coa actividade física.
Grazas a Espe, Rosa e Celia por acompañarnos. Unha xornada diferente para aprender, moverse… e descubrir novos deportes!









Ningún comentario:
Publicar un comentario