sábado, 9 de maio de 2026

A Xota da Almáciga xa soa na nosa escola 🎶✨

Dentro do proxecto Somos Barrio, o alumnado da nosa escola participou nunha experiencia moi especial: a creación da Xota da Almáciga, unha canción nacida a partir das ideas, palabras e vivencias do propio alumnado.

Esta actividade desenvolveuse dende a materia de música co mestre Luís, xunto coa mestra en prácticas da Universidade de Santiago de Compostela, Icía Díaz Kirk, durante os meses de xaneiro a abril de 2026.

O alumnado de 2ºA foi o encargado de crear a letra, inspirándose nas temáticas e espazos que forman parte da vida da nosa escola e do barrio. Despois, Icía puxo música á composición e ensinouna ao resto do alumnado, sendo interpretada polos cursos de 2º a 6º de primaria.

Como broche final, o pasado 23 de abril tivemos a oportunidade de gravar a canción no Centro Xove de Creación Cultural, contando coa colaboración especial do pianista Alejandro Vargas (pianista renomeado), pai dunha alumna do centro, e de Manuele Pardo (Ailá), mestre de pandeireta do Centro Xove.

Un proxecto cheo de música, creatividade e traballo en equipo que nos axuda a seguir construíndo escola… e barrio.

 

 




 

Ningún comentario:

Publicar un comentario