xoves, 30 de maio de 2024

VISITA DE ALEX FERRADÁS

O proxecto deste curso deunos a oportunidade de coñecer a unha persoa cunha historia impresionante que descubrimos esta semana na biblioteca do cole: Álex Ferradás, un deportista desde pequeno que sufriu un accidente laboral que o deixou en cadeira de rodas no ano 2006. Despois dun tempo no que tivo que asimilar o que lle sucedera, e aceptar a nova situación na que se atopaba, Álex deunos unha lección de vida inesquecible: a dunha persoa que valora todas e cada unha das cousas máis importantes da vida, aquelas que nos permiten loitar polos nosos soños, que rexeitan os estereotipos, que nos valoran polo que somos e non polas apariencias ou os aspectos máis materiais, que se considera alguén afortunado porque ten a sorte de poder seguir facendo moitas cousas. E tantas!!! Entre elas, practicar moitísimos deportes, como nos contou no cole (rugbi, maratóns, carreiras en handbike, natación…), seguir estudando e comezando un novo traballo. Pero o máis importante da visita de Álex foi escoitalo, transmitíndonos a súa ilusión por mellorar a situación das persoas con diversidade funcional, por eliminar as barreiras arquitectónicas que lles dificultan realizar actividades cotiás e, sobre todo, as barreiras mentais, porque como nos dixo Álex: “todas as persoas somos válidas".  E con esa fermosa mensaxe nos quedamos, agradecéndolle a Álex o tempo que nos adicou esta mañá, e dándolle moito ánimo para conseguir ese novo reto que se propuxo…

Noticia redactada polo alumnado de 6º de primaria


 





Ningún comentario:

Publicar un comentario