Hoxe, o novo equipo de biblioaxudantes de 5º de Primaria continuou a súa formación cunha visita moi especial á Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Alí, da man da técnica que nos acompañou, tivemos a oportunidade de coñecer as diferentes plantas e descubrir todo o que agocha esta gran biblioteca.
Comezamos na planta cero, onde puidemos contemplar unha exposición de monicreques do mundo, e continuamos o percorrido ata a cuarta planta. Pero, sen dúbida, onde máis tempo pasamos foi na primeira, a planta infantil! 👧📖
Alí descubrimos que a súa organización é moi semellante á da nosa biblioteca escolar, só que en grande! As etiquetas dos libros, as cores, os números… Todo nos resultaba familiar. Ademais, aprendemos a utilizar os ordenadores do catálogo para localizar os libros nos andeis e coñecemos como funciona o servizo de préstamo e devolución. E algúns aínda sacaron un ratiño de lectura...
E non fomos só para aprender! Tamén deixamos expostas as nosas recomendacións lectoras para que outras persoas usuarias da biblioteca poidan coñecelas e animarse a descubrir novas lecturas. 💚
E, como non podía ser doutro xeito, antes de marchar, as lectoras e os lectores máis voraces do grupo aproveitaron para levar algúns libriños para casa. Porque unha visita á biblioteca sempre é unha boa oportunidade para atopar novas historias!
Grazas á Biblioteca Pública Ánxel Casal e á Moni que nos acompañou por recibirnos e axudarnos a seguir medrando como biblioaxudantes. Seguimos aprendendo para coidar, dinamizar e encher de vida a nosa biblioteca escolar! 📚✨









Ningún comentario:
Publicar un comentario