mércores, 17 de decembro de 2025

Visita á Biblioteca Pública Ánxel Casal 📚

 Hoxe o equipo de biblioaxudantes da escola, xunto con todo o alumnado de 5º de Primaria, realizou unha visita á Biblioteca Pública Ánxel Casal, unha experiencia moi enriquecedora para achegarse ao mundo das bibliotecas e da lectura.

Durante a visita coñeceron o funcionamento da biblioteca, a súa distribución, así como os espazos nos que se atopan os libros de préstamo. Tamén descubriron os recunchos especiais e as zonas de uso temporal, pensadas para actividades concretas e estancias curtas.

As encargadas da zona infantil prepararon para nós unha actividade moi especial: ensináronnos un kamishibai, co que nos contaron a historia “A nave dos Fatos”. A continuación, realizamos un pequeno xogo para descubrir personaxes a partir de ilustracións pertencentes a diferentes pintores e obras de arte, combinando lectura, imaxe e creatividade.

Ademais, tiveron a oportunidade de gozar dun tempo de lectura pracentera, escollendo libros ao seu gusto e desfrutando dun ambiente tranquilo e acolledor. O alumnado que levou o seu carné da biblioteca puido realizar préstamos de libros, aproveitando o momento para explicar aos compañeiros e compañeiras como funciona este proceso.

Foi, sen dúbida, unha xornada moi especial que busca reforzar o gusto pola lectura e o uso responsable dos espazos culturais da nosa cidade.


Recunchos temporais


Coñecendo a biblioteca e os seus espazos

Contacontos co Kamishibai


Gozando da lectura


Prestando e aprendendo a facer préstamo de libros



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario