Os grupos de 5º e 6º de Primaria fixemos unha excursión estupenda. Ademais de viaxar ata lugares que non todas as persoas coñecían, tamén podemos considerala unha viaxe no tempo, xa que estivo chea de coñecementos históricos. En primeiro lugar, visitamos o Castelo de Vimianzo, unha fortaleza medieval que coñecemos co acompañamento de Mariví, quen nos ía contando e poñendo en situación para entender moito mellor como podía ser a vida a finais do século XII e comezo do XIII.
Tamén puidemos ver a mostra de artesanía que acolle o edificio construído posteriormente: encaixe de Camariñas, maquetas de barcos, o tear de liño, os sancosmeiros, etc.
Despois viaxamos ata Mosquetín, tamén no concello de Vimianzo. Alí, á beira do río Grande, construíronse no século XVIII unha serie de batáns e muíños que se manteñen en moi bo estado. Mariví contounos tamén o seu funcionamento, así como a importancia da súa conservación ao ser parte do noso patrimonio.
As visitas da tarde leváronnos a tempos aínda máis antigos. Desplazámonos ata o Concello de Cabana de Bergantiños, onde visitamos o Dolmen de Dombate, considerado a “catedral do megalitismo”, e o castro de Borneiro, no que chamou a nosa atención o seu gran tamaño e a cantidade de vivendas de formas circulares e cuadrangulares.
Tras este percorrido, regresamos ao cole con moitas ganas de contar a experiencia!!!
Alumnado de 6º de Primaria
Ningún comentario:
Publicar un comentario