xoves, 23 de novembro de 2023

Descubrindo as Gárgolas de Compostela

 En Educación Infantil  levamos xa un tempo interesándonos polas gárgolas, eses monstros de pedra que habitan nos tellados dos edificios da parte antiga da nosa cidade.

Aprendemos o que é o Patrimonio e a importancia que ten a súa conservación.

Onte aconteceu un feito insólito, Carmen trouxo unhas cartas moi misteriosas acompañadas dun anaco de mapa, algunha persoa deixara para nós unha mensaxe.

Decidimos aceptar o reto que aparecía na carta: comprobar se as gárgolas foran quen de soportar toda a auga que nos enviou unha grandísima nube gris.  Debíamos atopar as gárgolas que se nos indicaban.  Non era nada fácil a misión, só dispoñiamos dun anaco de mapa. A pesar da dificultade, hoxe a primeira hora da mañán puxémonos en camiño.

Atopamos unha primeira parte do mapa, en Chafarís, a nosa tenda preferida de xogos.  O mapa indicounos o camiño cara o o Museo da Maxia.  Alí esperábanos un mago estupendo que fixo aparecer debuxos nun libro de páxinas en branco e non só iso, conseguiu que colorearamos o libro coa nosa imaxinación.  Ademais de todo isto, algunha persoa deixou alí a última parte do mapa, a que precisabamos para atopar as gárgolas.

Atopámolas todas, unha a unha e comprobamos que todas estaban no seu lugar.

Despois de tomar a parva, percibimos que no mapa había un local marcado cunha estrela. Un local moi especial, a libraría Couceiro. De camiño á escola pasamos por Couceiro e alí atopamos unha marabillosa sorpresa, unha caixa chea de medallas de cartolina que recoñecían o noso traballo.

Así foi a nosa xornada de hoxe, descubrindo e desfrutando  dos tesouros que se agochan na nosa cidade.







Ningún comentario:

Publicar un comentario